Día 24

XXXIII SEMANA INTERNACIONAL DE CINE DE AUTOR

18:00 h. Ciclo de cine Infantil: “El pequeño Rey Macius” – Auditorio Gustavo Freire
A película de animación “El pequeño Rey Macius”, dirixida por Sandor Jesse e Lutz
Stutzner, é a última longametraxe do noso ciclo infantil. O protagonista será Macius, que
tras a morte do seu pai, recibe o cetro e o poder do rei. Non obstante, dirixir un trono non é
tan fácil e divertido como parece...

20:30 h. Ciclo “O mellor do ano”: “Madre Amadísima” – Auditorio Gustavo Freire
O ciclo “O mellor do ano” finaliza por todo o alto cun drama dirixido por Pilar Távora, unha
das primeiras profesoras da Escola Andaluza de Cinematografía. “Madre Amadísima”,
presentada no Festival de Cine de Sevilla, trasládanos á España da segunda metade do
século XX, na que Alfredito, de cincuenta e seis anos, vestidor da virxe e homosexual nacido
en pleno franquismo, decide confesarse á virxe e relátalle a súa historia.

22:45 h. Sección Curta + Sección Oficial – Auditorio Gustavo Freire
Primeiramente, proxectarase “Tolemia”, unha curtametraxe rodada na provincia de Lugo na
súa totalidade. Os acontecementos principais transcorren na casa rural “Rectoral de Anllo”,
onde unha parella de mozos namorados vai pasar unha fin de semana romántica. O filme foi
dirixido por Miguel Goyanes, que xunto ao seu equipo nos acompañará nesta última velada.
Finalmente, despedirémonos da semana de cine coa derradeira película da Sección Oficial a
concurso. “Canino” obtivo o premio “Una cierta mirada” do Festival de Cannes, o premio
“Ciudadano Kane” ao mellor director revelación e o “Premio del Jurado Joven” no Festival
de Cine de Sitges. Esta longametraxe grega de Giorgos Lanthimos sitúanos nunha casa cun
alto muro ás aforas da cidade. Alí vive unha familia cuxos nenos nunca atravesaron as súas
barreiras. Son seres humanos manipulados polos seus pais e totalmente alleos á realidade do
mundo exterior. Ata que un día a súa felicidade esborrállase cando Cristina, a garda de
seguridade da empresa do pai, fai un trato cunha das fillas.

 


Alma Sánchez
Xefa de Prensa
Semana Internacional de Cine de Autor