Homenaxe a MANUEL PIÑEIRO RODRÍGUEZ “O Pintor”

Manolo, o Pintor

Algúns chámanlle “Manolo” a Curiel, pero para os que andamos no medio da Semana de Cine, Manolo é outro. Curiel é Curiel; e “Lolo”, especialmente para os da Fonsagrada.

Manolo, para todos nós, é un mago dos pinceis que desde as primeiras semanas rotulou e pintou no frontal do Gran Teatro o título e sinais de identidade das películas máis destacadas. Cando empezaron as nosas citas anuais co Cine, Manolo tiña xa unha moi longa traxectoria como pintor e rotulador, por conta allea ou propia, nos máis diversos soportes e sobre infinitos temas. Pero a súa maior arte demostrábaa cando no Gran Teatro e no Kursal, e por veces no Central Cinema e no Cine España deixaba patente que para que un espectador recibise o impacto visual de cada película, facía falla que un artista puxese as súas mans e a súa arte ó servizo do Cine, aportando maxia á maxia da película.

Manolo creou para publicitar as películas da Semana de Cine imaxes irrepetibles que daban un toque lucense e humano ás cintas universais; os seus rótulos e anuncios parecían nimbados por luces de neón para aportar calor e cor ás películas máis sobranceiras. E así, ano tras ano, Semana tras Semana, película tras película, durante case un cuarto de século.

Agora, as modernas técnicas de reproducción fan milagros, e cada película entra polos nosos ollos cunha perfección exacta, cunha exactitude perfecta. Pero nunca será o mesmo. Por eso, porque sabemos que a perfección das máquinas e das técnicas nunca conseguirán o toque humano do artista, lembrámonos do noso Manolo, Manolo Piñeiro, do Manolo Pintor da Semana do Cine, e facémoslle homenaxe de admiración e de agarimo, cunha aperta de todos os que en Lugo amamos o cine.

Xulio Xiz
Presidente do Grupo Fonmiñá

 

Manuel Piñeiro Rodríguez (Lugo 1929)

A miña profesión foi a de pintor rotulista de vehículos comerciais, señalética, carteis e rótulos para institucións públicas e privadas, salas de recreo e cines. Son un lucense do 29 nado, criado e residente de toda a vida en Lugo. Desde moi novo empecei a traballar no obradoiro de pintura Rebolo e aí me iniciei no mundo da rotulación. Daquela, e estamos a falar dos anos 50, a rotulación xa se facía sobre calquera tipo de material, cristal, metal, madeira, lenzo… iso si, de forma manual.

Recén cumpridos os 20 anos, comecei a rotular os carteis de cine do Gran Teatro e Cine Kursal de maneira regular e tamén os dos Cines España e Central Cinema de forma máis esporádica. Posteriormente, e ao longo de moitos anos, reproducín manualmente os carteis promocionais das compañías de teatro que visitaban Lugo e actuaban no Gran Teatro e iso permitiume ir perfeccionando pouco a pouco a maneira de traballar, incorporando máis tipos de letra e novas combinacións de cores.

Traballei paralelamente, no meu propio obradoiro Josman, con Vallejo, Cereijo, Industrias Abella, Garaje Americano, Concello de Lugo, Deputación de Lugo, Fundación CaixaGalicia, Citröen, Complesa, Muebles Villamor, Casa María, Chocolates Carmiña… así como para diferentes peñas deportivas da cidade.

É a comezos dos 80 cando entro en contacto co Grupo Cinematográfico Fonmiñá, eran os primeiros anos de organización por parte deste colectivo da Semana de Cine de Autor de Lugo. Ofrecéronme a posibilidade de facerme cargo de producir todas as pezas publicitarias e de señalética da Semana, así como reproducir o cartel ganador de cada ano a un gran tamaño que colocabamos na fachada principal do Gran Teatro.

Foron moitos anos traballando para o Grupo Fonmiñá, co que sempre tiven moi boa relación, sempre atopei xente formal, boa e aberta que me deixaron liberdadade para traballar e sempre me fixeron sentir coma na casa. Sempre realicei este traballo con gran motivación e foi moi estimulante ir coñecendo tamén o mundo do cine a través de todos eses anos de colaboración.

Gardo un moi grato recordo da Semana de Cine no seu conxunto e desde aquí quero aproveitar a oportunidade de agradecer a todas as persoas coas que me relacionei ao longo de todos eses anos e que me permitiron vivir esa experiencia persoal e profesional.

Manuel Piñeiro Rodríguez