XXIII SEMANA INTERNACIONAL DE CINE DE AUTOR



De novo, setembro.En setembro é tradición en Lugo organizar unha Semana Internacional de Cine de Autor, tradición comezada por Fonmiñá hai vintedous anos, que segue vixente porque setembro é tempo de colleita, e estamos chamados a colleitar afeccións cinematográficas sementadas hai moito tempo, e a sementar outras novas para reollérmolas nós, ou os que veñan despois de nós.

A nosa Semana - "nosa", de tódolos lucenses - conta con apoios continuados e firmes (Concello de Lugo, Deputación Provincial, Consellería de Cultura, Caixa Galicia e Universidade), ós que compre deixar constancia de agradecemento do Comité organizador, na seguridade de que todo o que se consiga redundará a prol da cultura e da cidade de Lugo.

Na primeira Semana do milenio, abrimos o telón diante dos lucences para ofrecerlles -de novo- un mundo de imaxes, un mundo nunha pantalla, que entrará polos ollos como unha mensaxe fiel dos novos tempos que vivimos.

Benvidos todos á Semana de Cine que fai o número vintetres das celebradas... A asistencia masiva dos lucenses será a mellor garantía de continuidade, e de vitalidade dunha arte que foi considerada a séptima pero que - sen dúbida porque tódalas demáis participan nela - moitas veces parece a primeira.


Xulio Xiz

Presidente do Grupo Fotocinematográfico Formiñá