Se en todas as "Semanas" procuramos avanzar por novos camiños na procura de mellorar o noso (voso) festival, este ano coidamos facelo dun xeito especial, por recoller os froitos da colaboración da Semana de Cine con Click For Festival, pola que recibimos máis de catrocentas películas de todo o mundo, de diversos xéneros e metraxes, nun abano de posibilidades para programar cine de países distintos e distantes do noso. Son máis de duascentas horas de cine de todo mundo, das que só puidemos seleccionar un total de 88 producións, incluíndo naturalmente películas realizadas en Galicia e Lugo, dentro da nosa vocación de difundir de xeito especial o que nos é máis propio.
Dentro do cine galego que ofrecemos, está a xoia titulada "A tropa de trapo na selva do arco da vella", da que a súa produtora nos explicará o proceso creativo, para mergullarnos de cheo nunha moi especial produción do noso cine. No capítulo de Homenaxes, rendiremos unha e ben merecida a Mercedes Cora (cubana de nacemento pero con raíces en Castroverde, terra pola que tivo unha gran querenza), que participou en once películas e morreu en Madrid en 1986, dun cancro, aos cincuenta e dous anos. Colabora nesta homenaxe o seu curmán, o escritor Xosé María Gómez Vilabella.
E o broche final poñerémolo con "La vieja música", película que agora cumpre 30 anos, rodada en Lugo arredor do C.B. Breogán, que tan bo recordo deixou entre nós, agora nunha copia perfeccionada polos novos sistemas dixitais. Na cuarta semana de setembro, reservádenos o voso tempo o atención, que nos vos imos defraudar.
Xulio Xiz
Presidente de Fonmiñá