Día 21

XXXIII SEMANA INTERNACIONAL DE CINE DE AUTOR

18:00 h. Ciclo de cine Infantil: “Whynky y el caballo mágico” – Auditorio Gustavo Freire
A primeira longametraxe de Mischa Kamp presentouse no Festival de Cine de Xixón 2006
dentro da sección Infantes Terribles. “Whynky y el caballo mágico” preséntanos a Whynky,
unha nena de seis anos que, tras a morte do seu amigo poni, decide ser moi boa para que San
Nicolás, o Santa Claus de Holanda que monta a cabalo e reparte regalos para os nenos que se
portan ben, a recompense co cabalo que ela tanto desexa.
18:15 h. Actuación do grupo teatral Achádego – Praza Maior
Ata a Praza Maior quedará pampa ao ver a dous homes vestidos de muller para lograr
traballar como músicos… Unhas pernas meteranse no medio.
19:30 h. Especial Xacobeo: “The Way” (O camiño) – Caixa Galicia
Escrita e dirixida por Emilio Estévez e protagonizada polo seu pai e coñecido actor Martin
Sheen, “The Way” é a historia dun home que decide emprender o Camiño de Santiago
despois de comunicárselle o falecemento do seu fillo cando peregrinaba a Santiago de
Compostela. Durante a súa aventura, Tom reencontrarase con Daniel , co que nunca se
entendera debido ás súas opostas visións da vida, e tamén con el mesmo, levándoo a un
cambio de dimensións vitais. A película, rodada en España e Francia, transportaranos ata
paisaxes e lugares marabillosos pertencentes á peregrinación cara a cidade do Apóstolo.
20:00 h. 50 Aniversario de The Beatles: “Qué noche la de aquel día” – Casa do Coñecemento
(Vicerreitorado Universidade)
Hai 50 anos un grupo de rapaces británicos deron os seu primeiro concerto no cavernoso bar
“The Cavern”. En tan só 10 anos, aquela banda británica espertou a febre da “beatlemanía”,
acadou os primeiros postos nas listas de éxitos de Reino Unido e Estados Unidos, detonou o
movemento da música psicodelia e influenciaría a milleiros de músicos das décadas
seguintes.
Simultaneamente ás súas xiras e traballos de produción, The Beatles tamén rodou varias
películas documentais. “Qué noche la de aquel día” é unha longametraxe musical na que o
grupo prepara unha actuación que será retransmitida en directo pola televisión. Comezou a
rodarse en 1964 nos estudos Twickenham de Londres e eleva á broma de si mesmos aos
catro de Liverpool caracterizándoos na súa total humanidade.
20:00 h. Homenaxe a Antonio Casal: “La torre de los siete jorobados” – Deputación Provincial
En “la torre de los siete jorobados”, dirixida por Edgar Neville, o homenaxeado actor
Antonio Casal interpreta o papel de Basilio, o cal ten unha aparición do falecido doutor
Mantua na que se lle revela a existencia dunha cidade subterránea onde habitan os chepudos
malvados que raptaron á filla do morto.

20:00 h. Ciclo “Y para comer, Lugo”: “Bon appetit” – Biblioteca Provincial
David Pinillos, montador das películas “Gordos”, “La Vergüenza””, “El juego de la verdad”
e “8 citas” dirixe en 2010 a súa primeira longametraxe, que se converteu na gran triunfadora
do Festival de Cine Español de Málaga obtendo o premio especial do xurado, o de mellor
actor para Unax Ugalde, o de mellor guión para Pinillos, Juan Carlos Rubio e Paco Cabezas
e unha mención especial para a actriz alemá Nora Tschirner. En “Bon Appetit”, Unax
Ugalde encarna a Daniel, o xefe de cociña español que acaba de conseguir unha praza no
prestixioso restaurante de Thomas Wackerle en Zürich. Tras coñecer a Hanna, a bela
catadora do restaurante, o cociñeiro terá que decidir se paga a pena arriscar a súa carreira
profesional por amor.
20:30 h. Ciclo “O mellor do ano”: “Encontrarás dragones” – Auditorio Gustavo Freire
O xornalista Roberto Torres, residente en Londres, viaxa a España en 1982 para realizar as
súas investigacións co obxectivo de escribir un libro sobre o Opus Dei. Non obstante, o seu
pai Manolo Torres, amigo da infancia do fundador de tal institución, non quere soltar prenda
dunha historia que se remonta a principios do século XX e que rompe totalmente a súa
relación con Josemaría Escrivá. Roland Joffé, o director de “Encontrarás dragones”, foi o
director máis novo da historia do Teatro Nacional dentro do contexto británico e dedícase
ademais á televisión a través de Granada, Thames e a BBC.
22:30 h. Actuación do grupo de teatro Achádego – Auditorio Gustavo Freire
Na entrada do Auditorio uns zombies moi amables atenderán ao público asistente. ¿Unha
tapiña de miolos?

22:45 h. Sección Curta + Sección Oficial – Auditorio Gustavo Freire
En primeiro lugar, proxectarase a curtametraxe “Porque hay cosas que nunca se olvidan”,
que contou con innumerables premios e seleccións en festivais de todo o globo terráqueo.
Catro cativos de oito anos xogan ao fútbol na rúa en Nápoles (1950). De súpeto, a pelota cae
dentro da finca onde vive a “Vella Mala” e nunca máis poderán volver xogar con ela.
Dirixe e escribe Lucas Figueroa, o cal traballa como realizador multimedia para o grupo
Telefónica Media, para Universal Studios, Fox, Disney, History Channel, etc. Escribiu dous
libros recibindo unha mención de honor do Ministerio de Cultura da Nación Arxentina,
dirixiu innumerables anuncios para cine e Televisión ao redor de todo o mundo e fundou a
empresa de produción cinematográfica LMF Films. Así mesmo, escribe, dirixe e produce
“Trilogía de la muerte”, curtametraxes que obtiveron moitos premios internacionais.
Finalmente, proxectarase a terceira película que participa no concurso por votación popular
da Sección Oficial e gañadora da Espiga de Ouro á mellor película na Semana Internacional
de Cine de Valladolid: “Copia Certificada”, longametraxe de Abbas Kiarostami e cuxa actriz
principal, a francesa Juliette Binoche, recibiu tamén o premio á mellor actriz no Festival de
Cannes. O aritsta Kiarostami fundou en 1969 a sección de cine do Instituto para
o Desenvolvemento Intelectual de Nenos e Adultos Mozos, onde dirixiu as súas primeiras
curtametraxes. En 2001 namoraríase dunha pequena cámara e dende entón tan so traballa en formato dixital. Esta é a súa primeira película fóra de Irán, que nos fará vivir o encontro dun escritor inglés e dunha galerista francesa que se coñecen nunha aldea italiana ao sur da
Toscana.

 


Alma Sánchez
Xefa de Prensa
Semana Internacional