Esta mañá, na sala de exposicións da Deputación Provincial de Lugo, quedou aberta a exposición homenaxe a EDUARDO FAJARDO, dentro dos actos previstos na XXXI SEMANA INTERNACIONAL DE CINE DE AUTOR DE LUGO.
A exposición recolle literaria e graficamente a vida cinematografía deste gran actor, con máis de duascentas películas no seu haber, con reproduccións fotogrfáficas de momentos estelares da súa carreira cinematográfica.
Na inauguración, Antón Bao, Vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo, felicitou ó homenaxeado por unha longa vida dedicada á sétima arte, polo seu talante, e por integrarse en Lugo co gallo desta Semana de Cine. Seguidamente, o Presidente de Fonmiñá, Xulio Xiz, subliñou a talla humana de Eduardo Fajardo, cando menos parella á súa elevadísima talla artística, agradecendo a súa presencia e colaboración, e destacando o apoio especial que a Vicepresidencia da Deputación prestou a esta semana de Cine.
Eduardo Fajardo, visiblemente emocionado, agradeceu as atencións que está recibindo, reivindicou a súa galeguidade que ten proclamado por todo o mundo, e foi explicando ós presentes o contido da exposición, na que se lle ve en compaña de grandes do mundo do cine, entreles da tamén lucense Prudencia Griffell, a gran señora do cine mexicano.
Finalmente, Antón Bao entregou a Eduardo Fajardo a reproducción dun instrumento musical do Pórtico da Gloria e un libro sobre a montaña da provincia de Lugo.
A exposición quedou aberta mañá e tarde, na sala da Deputación Provincial, ata comezos do próximo mes de outubro.