Saúdo do presidente

Como se fosen follas dun vello calendario anual, quitamos unha e aparécenos o número trinta e un para anunciar que hai trinta anos decidimos os de Fonmiñá que Lugo tivese unha anual Semana de Cine.

Decidímolo os do Grupo Fonmiñá, contando con que os lucenses saberían comprender e gozar dunha celebración así, e que as institucións apoiarían unha iniciativa que sen elas e os seus representantes sería imposible de afrontar.

E velaquí que pasan trinta anos coma un suspiro, e o que naceu timidamente ten enraizado e, ao consolidarse, ten unha vida propia que nos leva e nos obriga a seguir traballando ano tras ano na súa consecución. As institu- cións vanse  renovando en canto a representantes e tamén se renova, en canto a periodicidade, o seu apoio á nosa iniciativa.

E chegamos a este ano 2009, con cambios nas institucións e na economía, que nos marca austeridade aínda que os patrocinadores seguen a ser xenerosos, impulsándonos no caso da Vicepresidencia da Deputación Provincial a estender a nosa acción a pobos da provincia con xaxún cinematográfico nos que repercutirá a Semana de Cine por primeira vez na súa historia.

Os veteranos organizadores da XXXI Semana, basicamente os mesmos que hai trinta anos afrontamos a primeira, somos conscientes de que nin Lugo nin os lucenses son -somos- os mesmos que daquela, que ningún río flúe contra corrente. E temos procurado evolucionar, polo menos na medida en que Lugo e as súas xentes o fixeron.

Desde a altura venerable da Semana, trinta anos nos contemplan. E á sombra deles agradecemos a todos a confianza de tanto tempo, desexamos para o cine o mellor século, e para Lugo e os lucenses o mellor cine.

Feliz semana de cine, Lugo!.

 

Xulio Xiz

Presidente do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá

 

 

TODOS SOMOS EMEVÉ

Cando un equipo triunfa, a cidade na que se asenta triunfa con el e sente como propios os seus éxitos. Lugo tivo moitas ocasións para sentirse parte especial do Emevé nos numerosos fitos da súa gloria deportiva. Pero cando o equipo sofre, tamén a cidade se sabe mostrar parte viva dunha comunidade deportiva que nos representa a todos os efectos.

E o Emevé ten moi recente un sangrante sufrimento do que todos fomos e somos partícipes, doéndonos na alma a morte de Aída Cela, Iris Arias e Patricia Xavier e a dor física e no corazón do resto das xogadoras, dos directivos, das súas familias e de todos os socios do equipo.

A Semana de Cine de Lugo, sensible por selo os seus organizadores e patrocinadores a todo o que sucede na cidade,  quixo facer constar a súa dor pola traxedia e o seu desexo de ánimo a todos os membros do Emevé, que por extensión somos todos os lucenses.

E así, dentro da XXXI Semana de Cine vaise render homenaxe a este histórico club lucense, lembrando as rapazas que se foron fisicamente pero que permanecen na memoria de todos, desexando que esta lembranza sexa un mínimo bálsamo de agarimo e unha nova ocasión para que a cidade de Lugo –nesta ocasión, a través do cine- testemuñe que individual ou colectivamente “todos somos Emevé”.

 

Comité organizador de la XXXI Semana de Cine de Lugo.