Mediado setembro, os lucenses temos desde hai case catro décadas unha cita co Cine con maiúsculas; con ese cine identificado como “de autor”, que nos fai pensar, que nos fai coñecer e descubrir novos horizontes vitais, e sobre todo que nos fai entrar en novas dimensións cinematográficas por introducirse en innumerables experiencias e mensaxes que fan cada vez máis nova a máis nova das recoñecidas como belas artes xa tradicionais.
Se miramos cara atrás, sentimos a vertixe da distancia, da profundidade do tempo percorrido nunha arela que nos marcou desde os tempos máis mozos aos involucrados nesta aventura. Se miramos cara adiante, temos a incerteza, o descoñecido. Non no aspecto creativo ou cinematográfico senón nas dificultades que sempre tivemos para afrontar a aventura, acrecentadas por esa historia interminable (mellor se fora a cinematográfica) que por descoñecida e imprecisa, demos en chamar “crise”.
No ano dezasete do século vinteún, facemos –aínda que as condicións do traballo de coller non sexan as máis propicias- colleita abondosa de títulos que poder ofrecer, e drástica escolma porque os límites establécenos o tempo e a economía, de xeito que ofrecemos aos lucenses un abano de posibilidades cinematográficas que coidamos van acaparar a súa atención, e facelos soñar…e pensar, que entendemos forma parte das nosas obrigas como organizadores e das necesidades dos espectadores.
Benvidos ao cine grande, ao cine que mellor nos inspira, ao cine que os lucenses agardan. Vivamos o cine, e que sempre o cine viva!.
Xulio Xiz,
Presidente de Fonmiñá.