Para nós, cultivadores, en setembro é a colleita de cine. E a ela nos dedicamos con fruición desde hai trinta e cinco anos, chegando agora á edición número XXXVI desta colleita.
Certo que toda colleita require sementeira, aboado, coidados continuados, e outros moitos labores que todo cultivador coñece, sexa cal sexa a súa especialidade, que cada colleita require un proceso complexo e delicado.
Pero un aspecto fundamental é a axuda do tempo, que a climatoloxía sexa adecuada, que non haxa rigores que agosten o froito ou lle impidan nacer.
Esta colleita setembrina, a pesar do xeral mal tempo reinante, gozou de excelente temperatura, ceos despexados e abundantes choivas... en fin: ambiente perfecto para que chegue unha colleita a bo fin.
Por iso, grazas a todos os que nos proporcionaron o clima axeitado para que a colleita de cine da Semana do ano 2014 se poida considerar unha colleita de calidade, de altura. E que a todos nos aproveite.
Xulio Xiz,
Presidente de Fonmiñá.