“…al plantear una película, pienso generalmente en un pintor o en una escuela de pintura”
Néstor Almendros (1930-1992)
Días de una cámara.
Arte de cine ou cine de arte.
A arte en xeral e a pintura en particular manteñen desde sempre unha significada presenza no cine. A influencia da obra de grandes pintores é evidente en directores como Visconti, Pasolini, Rohmer, Godard e moitos outros que a miúdo acudiron ás representacións pictóricas como fonte de documentación ou inspiración.
O cineasta reproduce encadres, ambientes, atmosferas ou vestiarios que nos aproximan a personalidades artísticas que o público recoñece con facilidade. Se no claroscuro e os contraluces de El espíritu de la colmena evocamos entre outros os cadros de Vermeer, a pintura de John Constable está presente en cada paisaxe de Barry Lyndon e a influencia dos espazos desolados das obras de Edward Hopper esténdese no cine norteamericano desde Hitchcock ata a actualidade.
Ás veces a relación é aínda máis directa, cando aspectos da vida e a obra dos artistas serven de punto de partida para o desenvolvemento de proxectos cinematográficos máis ou menos biográficos.
Dalgunha maneira a relación entre a arte e o cine sempre foi fluída, incluso lóxica, porque as diversas linguaxes da arte acaban alimentándose e enriquecéndose de maneira natural, establecendo unha relación de simbiose que xunta sensibilidade e creatividade.
Este ano, formando parte da SEMANA INTERNACIONAL DE CINE DE AUTOR, iníciase a sección Arte de Cine, que nace precisamente para seleccionar e proxectar películas nas que a arte, os artistas e os diversos espazos para a arte, como os museos, teñan unha presenza relevante, ben como referencia documental ou estética, ben como elementos esenciais nos seus guións, tramas, personaxes ou localizacións.
Para dar comezo á nova sección escolléronse catro producións cinematográficas que de forma diferente se achegan á arte: Passion (1982), de Jean-LucGodard, Caravaggio (1985), de Derek Jarman, El arca rusa (2002), de Alexander Sokurov e El Greco (2007), de Yannis Smaragdis.
En Passion, Godard recupera a tradición dos tableaux vivants do XIX e constrúe imáxes cinematográficas a partir de grandes composicións pictóricas de diferentes épocas e autores como Goya, Delacroix, Rembrand, Ingres, Watteau ou El Greco e ao facelo aproveita e potencia os valores das imaxes estáticas, propias da pintura, e das imaxes en movemento, inherentes ao cine.
Passion é unha mostra máis da preocupación do director por indagar nas relacións entre o cine e a música, o teatro, a fotografía ou o vídeo.
Jarman é un dos moitos directores de cine (Fritz Lang, Houston, Greenaway, Schnabel,…) que ademais desenvolven outras actividades artísticas e plásticas, como neste caso a pintura ou a escenografía, o cal repercute con frecuencia no seu cine. O seu Caravaggio é proba diso. Na película evidénciase unha concepción pictórica no tratamento da luz e na composición das escenas, que son os cadros do pintor italiano a partir dos que constrúe as tramas. Esteticamente é atractiva, grazas sobre todo á coidada fotografía de Gabriel Beristain, e inquietante polo intencionado anacronismo de personaxes e diálogos e pola particular visión da polémica homosexualidade do pintor.
El arca rusa é unha película tecnicamente admirable, filmada nunha única secuencia, sen cortes nin montaxes, que percorre máis de 30 salas dos edificios imperiais que integran o Museo do Hermitage de San Petersburgo. Pero, ademais do valor polas súas incuestionables pericias técnicas, esta produción encaixa plenamente na sección porque manexa os espazos e os contidos dun dos grandes museos do mundo como recurso cinematográfico, co que percorre séculos da historia de Rusia e da arte universal.
A selección de El Greco de Smaragdis responde sobre todo ao interese por exhibir a última película rodada sobre o pintor cretense, de quen se conmemora este ano o 400 aniversario da súa morte. Está baseada nunha novela biográfica do escritor Dimitris Siatopoulos e aporta, loxicamente, a visión do director, que se centra máis nos aspectos humanos que nos artísticos. As relacións do pintor coa Igrexa, as súas relacións amorosas e a trama da Inquisición predominan nun guión que formula serias dúbidas históricas para os que non permiten licenzas cando se trata de personaxes históricos.
(Lucila Yánez)