XXXV Semana de Cine de Lugo
Coa serenidade que proporciona o percorrido dun longo camiño, e coa ilusión que esperta o impreciso traxecto que se presenta diante de nós, afrontamos a edición nº XXXV da Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo.
Queremos agradecer a todas as institucións copatrocinadoras o seu apoio e as súas achegas, sempre meritorias e máis no difícil momento económico, que garanten a pervivencia do noso Certame mentres outras iniciativas teñen que restrinxir fortemente a súa actividade ou desaparecen. Por iso, o noso recoñecemento e o renovado esforzo que efectuamos por ofrecer aos lucenses unha anual celebración cinematográfica na que se presente a amplitude e fondura da actualidade cinematográfica mundial.
Invitamos a todos os lucenses a que acudan ás proxeccións da Semana de Cine, nas que atoparán ciclos – películas infantís, a concurso, curtas, “Rodado en Lugo”, “O mellor do ano” ou “Y para comer, Lugo” – con proxeccións diversas que satisfarán curiosidades e apetencias artísticas dos afeccionados á sétima arte. Que o cine invada Lugo en setembro e todos nós poidamos mergullarnos na maxia especial que o envolve. Felices días de cine para todos os cinéfilos lucenses!
Xulio Xiz
Presidente de Fonmiñá