!Ao traballo nugalláns, arriba! Ou coidades empalmar a parva co almorzo? [Aínda soan nos meus oídos os berros de Andrés en Trasalba]
O luns 4 de novembro de 1991 nas páxinas do xornal Diario 16 de Galicia publiquei unha nota titulada “Un actor galego da emigración”. Alí falaba do meu amigo Andrés que me pedira axuda por carta xa que estaba analizando a posibilidade de volver a Galicia xunto coa súa familia. Nacera en Ames e levaba na capital uruguaia 38 anos. Un tío seu foi o dono da coñecida cafetería compostelá “Azul”. Quedei sorprendido porque Andrés estaba moi integrado na vida uruguaia e tiña esposa e dous fillos. Lembrei naquelas liñas que, ademais de recoñecido actor, o seu oficio cotiá era o de perruqueiro nun salón de peitados unisex xunto coa súa muller na rúa Mercedes da capital uruguaia.
Comecei a tratalo arredor de 1973 cando a miña amiga Yolanda Díaz Gallego, directiva do Padroado da Cultura Galega, comentou que era galego. A primeira actividade que lembro foi chamalo para que puxese a súa voz nun audiovisual realizado sobre as fotos do ferrolán Manuel Monteagudo Romero. Despois tivemos máis relación cando estiven aos mandos do programa radial “Sempre en Galicia” ao que o convidaba para ler textos curtos de Castelao. No seo do Padroado recitou moitas veces e tamén foi o impulsor e primeiro director da Escola de Teatro.
A traxectoria de Andrés no Uruguai será sempre lembrada polas aplaudidas actuacións teatrais en Pluto de Aristófanes, A Gaivota de Chèjov, Egor Bulichov de Gorki e Rasga Corazón de Viana Filho, dentro do cine polo seu gran papel en Whisky e aquí recordaremos que foi un inmenso patrucio na famosa montaxe de A Lagarada. Os que o aplaudiron en Trasalba non esquecerán a súa magnífica caracterización do Señor Vences de Alén.
Foi premiado polos críticos uruguaios co máximo galardón que outorgan: o “Florencio” [en homenaxe ao famoso autor Florencio Sánchez]. Ingresa na institución teatral “El Galpón” en 1973 e alí permanece ata que a ditadura clausura o teatro. Segue en Montevideo e funda o “Teatro de la Gaviota” cun pequeno grupo de actores que resisten sen coller os vieiros do exilio. Quero reproducir algúns comentarios da prensa arxentina e uruguaia sobre actuacións súas: “Andrés Pazos, como el escudero, es sin duda, el actor más dúctil y con mayor capacidad de asombro del grupo uruguayo de “La Gaviota” [Lazarillo de Tormes]; “Andrés Pazos, espléndido de voz y físico es el Trigorin que Chejov pedía”; “Pazos conduce casi toda la obra; ya que los demás surgen a sus recuerdos, deseos, miedos, con su acostumbrada solvencia. Andrés transmite con todo su oficio el conflicto del viejo revolucionario” [Rasga Corazón].
Cando Andrés decide volver, póñome en contacto co profesor Xoán Luís Saco Cid que daquela era o presidente do IGAEM. Fágolle un informe persoal xunto co seu C.V. e pídolle traballo para Andrés Pazos Pérez. A resposta foi positiva e o meu amigo axiña se incorpora ao mundo teatral galego mediante un contrato de obra co Centro Dramático Galego.
O seu talentoso labor recibiu milleiros de aplausos aínda que a súa idea inicial era a de creación dunha Escola Teatral para a formación dos futuros actores e actrices. Quería ensinar e transmitir os seus coñecementos de moitos anos de aprendizaxe xunto a dous grandes directores da escena uruguaia como foron Atahualpa del Cioppo e César Campodónico.
Dicía que, para actuar, tiña que antes aprender un pouco de galego. Chegara ás terras uruguaias con 7 anos e, ao seu entender, tiña un acento demasiado montevideano. Sostiña que eu si que tiña un galego fluído pero que el debía pensar antes as palabras que ía dicir. Díxenlle que pola contra eu non era actor e que unha cousa é falar con seseo montevideano e outra ben diferente é a de estar enriba nun escenario reproducindo un texto de autor que require dunha vocalización máis neutra. Ben probado quedou que Andrés posuía un galego excelente, cheo de ricos matices, ao mellor estilo do gran patrucio Señor Vences de Alén.
(Manuel Suárez Suárez)