Peplum é un xénero fílmico que popularmente pode conceptualizarse como cine histórico de aventuras. As películas están ambientadas na Antigüidade, fundamentalmente grecoromana. Tamén este xénero era recoñecido como “de romanos”.
O termo foi acuñado pola crítica francesa nos anos 60, usando metonimicamente o nome dunha prenda de vestiario moi frecuente en tales filmes, a chamada latinizadamente “peplum”, (do grego “πεπλο” -peplo-), especie de túnica sen mangas abrochada ao ombro.
As temáticas antigas non eran novidade no cine, como por exemplo Cabiria o Intolerancia. Pero, o xénero peplum propiamente como tal aparece cara a 1958 co film Hércules. Neste, o papel do forzudo recaeu en Steve Reeves, un ex Míster Universo que se transformou nun dos rostros máis recoñecibles do peplum.
O éxito do filme Hércules e da súa segunda parte chamada Hércules encadenado ou Hércules y la Reina de Lidia (1959) levou á cinematografía italiana a montar unha verdadeira industria de peplum, que reciclará unha e outra vez os mesmos escenarios e vestiarios para filmar unha seguidilla de películas de entretemento masivo. Do mesmo modo, marcou unha serie de pautas que o resto de producións seguiría dunha maneira máis ou menos literal, chegando en ocasións a ser unha sucesión de tópicos que homoxeneizan fortemente o xénero, independentemente do heroe que as protagonizara ou a historia que estivera contando.
O fío argumental limítase a ser o dun gobernante sen moral nin escrúpulos que ten subxugada á poboación e ao que o heroe se ha de enfrontar.
Xeralmente, o heroe solitario chega á poboación que está sendo sometida, e tras comprobar as penurias dos seus poboadores, comprométese a liberalos. O pérfido gobernante trata de acabar con el durante todo o desenvolvemento do filme, pero remata sendo asasinado polo protagonista, xeralmente na batalla culminante. Nesta contenda final, o pobo rebelouse contra o seu ditador e axuda ao heroe no seu cometido. As aventuras do heroe técense en torno a unha trama de intrigas palacianas urdidas polo vilán. O heroe é dunha bondade impoluta e o vilán é dunha maldade irredimible. Non existe ningún tipo de arestas na moral de ambos personaxes.
O papel do heroe resérvase a culturistas sen máis dotes interpretativas esixibles. Pola contra, grandes actores encarnaron o papel de vilán como Fernando Rey, John Drew Barrymore ou Christopher Lee.
O heroe non precisa de nada que non sexa a súa propia forza física para saír vitorioso.
Os personaxes femininos limítanse ao da rapaza do bo e a rapaza do malo. Como curiosidade, a maioría das veces é rubia a primeira e morena a segunda. Algunhas actrices que iniciarían a súa carreira nestes papeis son María Luisa Merlo, Raffaella Carrà ou Jayne Mansfield.
Completa perversión da realidade histórica ou mitolóxica, que non é máis ca un pretexto en vez dun contexto. Escenarios e vestiarios en ningunha relación artística ou histórica coa época que retratan. Non é raro atopar escenografías minoicas dando cobertura a guerreiros gregos ataviados como lexionarios romanos. Por outra parte, o vestiario dos protagonistas busca sinxelamente o lucimento carnal dos mesmos, polo que se recorre sistematicamente á mínima expresión en peplos, a minisaias e transparencias. Xeralmente inclúen unha escena de loita con animais, unha escena de fermosas mulleres e unha batalla multitudinaria.
O éxito no estranxeiro destes filmes vese potenciado pola tendencia contemporánea hollywoodense a rodar grandes películas épicas para competir coa televisión por vía de incrementar a espectacularidade dos filmes; é a mesma época de Doctor Zhivago, Lawrence de Arabia, El Cid, Genghis Khan e incluso produtos bastante próximos ao peplum, como é o caso de Ben-Hur, La túnica sagrada, Quo Vadis, Los diez mandamientos, Cleopatra, Espartaco e La caída del Imperio Romano. Pero, estas aproximacións colosais ao cine “de romanos” distáncianse bastante do espírito máis simple dos filmes autenticamente peplum. A crítica estadounidense acuñará para estes últimos o irónico alcume de muscleman epic.
A excesiva reiteración de argumentos e a evidente pobreza de medios dos filmes peplum, remataron por estenderlle a partida de defunción. Así, en 1964, ródase a que se considera a última película da fornada peplum, Combate de gigantes, de Giorgio Capitani, que reúne aos grandes heroes do xénero, Hércules, Sansón, Maciste e Ursus nun mesmo filme.
Pero, as películas “de romanos” de baixo presuposto seguirían rodándose incluso ata comezos da década de 1980.
Aínda así, a influencia do peplum no cine popular foi bastante importante. Aínda que o peplum foi sepultado pola aparición do spaghetti western, este novo xénero fílmico tomou varios elementos do peplum, incluíndo o protagonista errante que viaxa de lugar en lugar, librando en cada pobo unha batalla contra a opresión. Tamén é de destacar o éxito das series de televisión Hércules: Sus viajes legendarios e Xena: la princesa guerrera en plenos noventa, series que no fondo eran reedicións das antigas películas peplum, con efectos especiaismodernos e tramas algo máis renovadas.
No ano 2000, o director Ridley Scott volveu á gloria, despois de anos de escuridade, coa súa película Gladiator. En esencia, o argumento está calcado de La caída del Imperio Romano, e en espírito, é en realidade un peplum de alto presuposto. O éxito deste filme, e de El Señor de los Anillos, que pese a no ser un peplum senón fantasía heroica, está realizado con similares efectos especiais por computadoras que requiriría un filme peplum real, reavivou o interese dos grandes estudos polo xénero. Deste modo rodáronse Troya (2004) de Wolfgang Petersen, Alejandro Magno (2004), de Oliver Stone, e a serie de televisión Roma, de HBO. Estas realizacións son en moitos aspectos unha revisión do cine peplum, pero non comparten a súa esencia de ser producións de baixo presuposto, case artesanais en moitos casos, e con historias sen un gran desenvolvemento.
En 2009, o director Alejandro Amenábar estrea a película Ágora, ambientada na cidade exipcia de Alexandría a finais do século IV e principios do V. Neses momentos a cidade grecorromana vive a expansión do cristianismo, que sepultará os últimos restos dunha civilización en declive, personificada pola figura de Hipatia.
Igualmente as novas versións do cine en 3D, proliferan ultimamente nas nosas pantallas.
Con motivo da conmemoración do décimo aniversario da Muralla Romana de Lugo como Patrimonio Mundial, a Semana Internacional de Cinede Autor únese cun ciclo de películas peplum, para celebrar dito aniversario.
(M.C.F.)