Varios afeccionados ao teatro de Alfoz, Valadouro e outros concellos próximos uníronse no ano 2001 para dedicarse xuntos á súa afección dramática. Constituíron o Grupo “Raiolas”, que dende entón leva feitas decenas de representación ao longo da provincia de Lugo e oeste de Asturias. O grupo leva feitas un par de incursións no mundo do cine. En primeiro lugar un membro do mesmo, Rubén García, actual profesional de Localia, dirixiu a curta de cinco minutos titulada El hijo del viento. Posteriormente, no ano 2006, José Vázquez Peinó, tamén membro de “Raiolas”, dirixiu a curta A carta, de 38 minutos de duración.
Na actualidade, o Grupo “Raiolas” atópase preparando unha nova obra de teatro que ten previsto estrear o vindeiro día 30 de agosto en Ferreira do Valadouro, co gallo da celebración da anual Semana do Teatro desta vila. De momento a intención do grupo é continuar vinculado do teatro e non descarta volver traballar no cine.
Currículo do director:
José Vázquez Peinó comezou no mundo do cine coa película A carta, producida polo Grupo Teatral “Raiolas” e cuxo guión escribiu o propio director, filme que tiña unha duración de 38 minutos. Dirixiu logo outras dúas curtas máis rodadas no IES Alfoz - Valadouro, nas que participaban como actores, produtores e guionistas as persoas do citado instituto (equipo directivo, profesores, alumnos, conserxes, empregadas da limpeza, administrativa, encargado da cafetería, etc). A primeira película dirixida por José Vázquez Peinó no IES Alfoz - Valadouro titulábase Malos tempos, de cuxo guión eran autores el e unha alumna de 3o da ESO chamada María Quirós e que tivo unha duración de 60 minutos; a película obtivo o Primeiro Premio no Festival de Cine de Ourense do ano 2009, na sección de OUFF Escola, categoría de Educación Secundaria.
No ano 2008 estreouse a curta Lume na alma, tamén producida no IES Alfoz - Valadouro, de cuxo guión foi tamén autor o director, seguindo o argumento de dous contos recollidos no libro Contos do Valadouro, de Manuel Lourenzo, Xesús Pisón e Isaac Ferreira; tamén neste caso o filme tiña unha duración de 60 minutos. Finalmente, en decembro do pasado ano 2009, despois de estar traballando nela durante tres anos, estreou a súa última película, a primeira longametraxe da súa filmografía, titulada A encrucillada, cunha duración de 168 minutos. Actualmente está dirixindo unha terceira película do IES Alfoz - Valadouro, que se titulará Volveremos e que se atopa en fase de rodaxe.