Saúda

No nome do GRUPO FOTOCINEMATOGRÁFICO FONMIÑÁ, compráceme ofrecer esta páxina en Internet a todos os afeccionados á fotografía e ó fenómeno cinematográfico.
      Foi a mediados dos anos setenta cando un grupo de mozos lucenses decidiu camiñar con decisión no mundo do coñecemento, a defensa e impulsión da fotografía e do cine, nunha cidade na que a imaxe tiña coñecido tempos de gloria e existía unha magnífica lexión de afeccionados a obter fotografías inesquecibles.
        Nos máis de trinta anos transcorridos, Fonmiñá ten celebrado numerosos concursos, sesións fotográficas, exposicións, proxeccións, cursiños, certames ou conferencias sempre relacionadas co mundo da imaxe, pero merecen especial mención as cinco Bienais de Fotografía celebradas a nivel europeo e as 30 Semanas Internacionais de Cine de Autor, que nesta páxina merecen capítulo á parte.
       Do mesmo xeito que ofrecemos a nosa páxina en Internet a todos os internautas, abrimos as portas da nosa sede social para todos os que consideren que a práctica da fotografía nos converte en "Señores da luz" e que a imaxe é unha forma perfecta de perpetuar a vida, deixando dela constancia para o futuro.
       Benvidos ó mundo da imaxe - fotografía, cine e internet- desde as terras que os antigos consideraban a fin do mundo coñecido.

Xulio Xiz,
Presidente de Fonmiñá.