Imos vivir a edición número XXXIII dunha Semana de Cine que sempre quixemos para Lugo e conseguimos artellar por primeira vez en 1979.
Desde entón (sempre houbo crises aínda que non tan manifestas coma esta), fomos conseguindo apoios modestos para unha sucesión de humildes semanas, nas que conflúen as axudas de todas as institucións vinculadas ao feito cultural, co permanente perigo –como temen os galos de Astérix– de que o ceo caese sobre as nosas cabezas.
Co paso dos anos fomos obtendo unha gran aceptación popular que nunca agradeceremos abondo, e a incorporación de novas xeracións de espectadores procedentes daquelas xa históricas sesións infantís multitudinarias no Gran Teatro.
E chegamos agora a unha semana que leva ese número topicamente tan utilizado para que só a súa pronunciación evidencie como está boa parte do noso interior físico, e que cabe supor tamén nos vale para acreditar que a nosa Semana de Cine, o noso cine, goza de boa saúde.
Diga XXXIII! (ou 33), pode ser o noso berro de cine para este ano e para esta Semana, para que sintamos que vivi(re)mos un tempo de cine que xa só pola cifra da cita que temos cos lucenses é sintomática da boa andanza do cine entre os lucenses.
Invitamos a todos a participar connosco nesta Semana de Cine; invitamos a todos a ver o maior número posible dos filmes que ofrecemos; invitamos a todos a dicir –proclamar– trinta e tres!, sabendo que o que percibiremos será satisfacción xeral porque o cine, de novo, invada esta cidade bimilenaria.
Grazas a todos pola vosa comprensión e polo voso apoio. Que o cine nos acompañe no remate do verán lucense porque, como proclamaba a vella canción,
“Cando chegue setembro, todo será marabilloso”.
Xulio Xiz,
Presidente do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá.