Güisqui é Güisqui

É Whisky unha película coreográfica, un baile de continuas correspondencias, de simetrías entre a imaxe e a alma dos seus protagonistas. É Whisky unha película de prosa adusta, un poema da mecánica emocional, unha experiencia automática indolente que se sostén ao ralentí baixo a mirada expectante dalgún indicio, por mínimo que este sexa, de mostra sentimental dos personaxes, Herman e Jacobo, dous irmáns separados non só pola distancia dos seus lugares de residencia, e Marta (sen hache), empregada na fábrica de calcetíns de Jacobo.

É Whisky un acto de comunicación sen emisor nin receptor, unha ecuación sen incógnitas, unha tautoloxía de hábitos grises. É Whisky unha metrópole da industria pesada que constitúen as paixóns humanas, un pretexto que oculta a verdade incognoscible dos tres seres implicados nunha trama certamente absurda.

Engrenaxe do cotián, silencios rotos pola imaxe dun calcetín defectuoso, furados por unha banda de son que ten certa dificultade en poñerse en marcha, como o coche que non arranca no primeiro intento, ou a iluminación fluorescente da fábrica cuxo zunido resoa dificultosamente un día tras outro. Pero unha vez que as pezas se activan, que os signos de fráxiles gretas se omiten sen permitir o paso a novas miradas, todo fluirá, coma sempre, baixo a orde imperturbable do pesadume. Miradas como pozos cegos que non deixan entrever que senten e que pensan os seus protagonistas, que xogan a existir como seres cuasi-inanimados.

É Whisky unha palabra efecto, a impresión dun xesto no ánimo provocado de novo pola máquina, un sorriso ante un disparo fotográfico. É Whisky unha viva homenaxe ao gran Aki Kaurismaki.

(Esmeralda Barriendos)