XXXIII SEMANA INTERNACIONAL DE CINE DE AUTOR
13:00 h. Exposición de carteis “Y para comer, Lugo” – Biblioteca Provincial
Como apertura do ciclo “Y para comer, Lugo” exporanse os carteis de “Cine e
Gastronomía” na Biblioteca provincial.
18:00 h. Rolda de prensa con Oliver Laxe e María Casal – Fonmiñá (Concepción Arenal nº 63)
O director da película “Todos vós sodes capitáns” xunto co seu equipo técnico e artístico
concederán unha rolda de prensa aberta ao público e aos medios de comunicación en
Fonmiñá. Oliver Laxe, nado en París e fillo de emigrantes galegos, presentará esta peculiar
longametraxe rodada en Marrocos que obtivo o premio da crítica internacional para a mellor
película da Quincena de Realizadores no Festival de Cannes 2010.
Seguidamente (18:30 h. aprox.), será a rolda de prensa con María Casal, filla do
homenaxeado actor Antonio Casal e moi coñecida pola súa actuación en series coma
“Hospital Central” e “La que se avecina”. Trátase dunha profesional de talento versátil:
participou en televisión coma azafata do “Un, dos, tres…Responda otra vez” e coma
presentadora do programa musical “Aplauso”, interveu coma actriz de teatro e de cine, e
agora participa na Sección de Curtametraxes da SICA coma directora e guionista cos filmes
“Dum Dum” e “Campos de Luz”.
18:00 h. Apertura do ciclo de Cine Infantil: “O Equipo Tigre”– Auditorio Gustavo Freire
Xa que nas últimas Semanas de Cine contamos con máis de 3000 espectadores no Ciclo
Infantil, este ano homenaxearase a un público fiel, que gozará coa proxección das estreas
rigorosas en Lugo de todas as películas infantís.
A longametraxe “El equipo Tigre”, dirixida por Meter Gersina, é unha adaptación ao cine da
saga creada polo escritor austríaco Thomas Brezina e narra as aventuras de tres nenos
detectives que resolven todo tipo de misterios. Esta película espertará o interese pola cultura
e lendas da China, mundo que percibimos como algo totalmente diferente a nós pero co que
temos un lazo de unión: a irmandade das nosas murallas.
20:00 h. Homenaxe a Antonio Casal: “El hombre que se quiso matar” – D. Provincial
A comedia negra “El hombre que se quiso matar” será a primeira película do ciclo dedicado
ao actor galego Antonio Casal, un home de mirada tenra e de gran relevancia dentro do cine
producido nos anos 40. Esta primeira longametraxe, dirixida por Rafael Gil, presenta a
figura de Federico Solá, un arquitecto que se sinte fracasado na vida e que anuncia o seu
plan definitivo de abandonar o mundo nun prazo de tres días.
20:00 h. Ciclo “Y para comer, Lugo”: “Deliciosa Marta” – Biblioteca Provincial
A candidata ao Goya 2002 á mellor película europea e gañadora do premio do público na
Mostra de Cine de Valencia 2001 inaugura este ciclo. “Deliciosa Marta” foi dirixida pola
directora alemá Sandra Nettelbeck e narra a historia de Marta, unha das mellores cociñeiras
de Hamburgo cuxos pratos son extraordinarios, pero que ten unha vida monótona e aburrida.
Todo cambiará cando a súa irmá solteira falece e ten que facerse cargo de Lina, a súa
sobriña.
20:30 h. Ciclo “O mellor do ano”: “La mitad de Óscar” – Auditorio Gustavo Freire
O ciclo iniciará coa película “La mitad de Óscar” de Manuel Martín Cuenca, tamén director
das longametraxes “La flaqueza del Bolchevique” e “Malas temporadas” que ademais
fundou Lagartos Editores en 2009, unha editorial que quere ofrecer unha nova canle de
expresión ás novas voces. A través deste drama, trataremos de descubrir a intrigante historia
familiar do seu protagonista.
22:45 h. Inauguración Oficial da Semana de Cine – Auditorio Gustavo Freire
· Presentación da actriz María Casal.
· Entrega do premio a César Núñez Álvarez, creador do cartel “ADN de Autor”
que resultou gañador no Concurso de Carteis da XXXIII SICA.
· Homenaxe a Manuel Piñeiro Rodríguez, admirado e querido pintor de
innumerables edicións da SICA. Este artista reproduciu manualmente e a dimensións
axigantadas fermosos carteis dos máis diversos soportes e temas infinitos para
anuncios comerciais, para institucións públicas e privadas, e para as compañías
teatrais que visitaban o Gran Teatro, o Kursal, o Central Cinema e o Cine España.
· A longametraxe “Todos vós sodes capitáns” será a primeira proxección das
películas a concurso por votación popular e contará coa presenza do director Oliver
Laxe xunto co seu equipo.
Alma Sánchez
Xefa de Prensa
Festival Internacional de Cine de Autor