O Apóstolo


Día e hora: 
Luns, 15 Setembro, 2014 - 11:00
Lugar: 
Auditorio Gustavo Freire
País: 
España
Ano: 
2012
Duración: 
72 minutos
Género: 
Animación
Director/a: 
Fernando Cortizo
Guión: 
Fernando Cortizo
Música: 
Xavier Font, Arturo Vaquero
Fotografía: 
Matthew Hazelrig
Productora: 
Artefacto producciones
Outros datos de interés:

Madrid Internacional Film Festival-Honouring Spanish Language (2014)

27 Edición dos Premios Goya (2013). Seleccionada entre as mellores películas de animación.

Premios Mestre Mateo 2013. Gañadora de seis premios: Mellor Película, Mellor Director, Mellor Dirección de Produción, Mellor Dirección de Arte, Mellor Banda Sonora e Mellor Son.

Festival Expotoons 2012. Premio á mellor película.

Festival Fantasporto 2012. Premio Especial do xurado.

One Night of Fear 2013. Gañadora do certame (por votación do público).

WFAF 2013. Gañadora do certame.

Monterrey 2013. Mellor película de animación.

Monstra 2013. Mellor banda sonora e premio do público.

Annecy 2013. Premio do público.

Cine Horizontes Marsella 2012. Mellor película do certame.

Sinopsis:

O Apóstolo narra unha escura historia de misterio ambientada no Camiño de Santiago na que se mestura o suspense, o humor e a fantasía a partes iguais. O protagonista, un preso acabado que acaba de fuxir do cárcere, verase envolto en estraños e inquietantes sucesos ao intentar recuperar un botín que fora agachado anos atrás nunha afastada aldea desta ruta. Sinistros anciáns, raras desaparicións, un peculiar sacerdote, e ata o mesmísimo arcipreste de Santiago conflúen nunha trama aderezada de misterio e intriga que levará ao protagonista a enfrontarse a unha condena maior da que conseguira escapar.

Artefacto Producciones é unha empresa audiovisual galega localizada en Santiago de Compostela, especializada en animación stop-motion.

Artefacto foi fundada en abril de 2007 por Isabel Rey e Fernando Cortizo, e na actualidade traballa en diversos e variados proxectos; desde series de animación como Sombras en la noche, Renata la araña ou Pito & Pato, longametraxes (O Apóstolo, O Mosteiro dÓuro e Cartas Italianas), así como en proxectos de decorados (“Zombie Western”), espectáculos (“Humor Neghro”) ou cursos de animación.

Fernando Cortizo (Santiago de Compostela- España, 1973) dá os seus primeiros pasos a mediados dos noventa coa realización da curtametraxe en 8 mm El monstruo de la playa. Durante esta década, e alternando cos seus estudos, realiza diversas curtas (Blackcat spantat, Solo, O Boiro, El ladrón de muñecas, Bucowski, e Promesa) interesándose e especializándose na técnica de animación stop-motion. No ano 2007, decide crear a súa propia produtora “Artefacto Producciones” e comeza a realizar traballos de animación (Leo, Noche de brujas), que pronto comezan a conseguir importantes premios, tanto dentro como fóra de España. (FiCIIQQ-Chile, Pilas en corto, Actual, Semana internacional del cortometraje- Logroño, Festival internacional Valle del Bravo- México, Premios Academia Galega de Cine, Premios ACE, Semana Internacional del Cortometraje de San Roque, Festival internacional de Bueu,…).

Durante esta época, ademais dos seus propios traballos, realiza labores de axudante de dirección nas películas De bares y Relatos, ambas de Mario Iglesias, así como na premiada curtametraxe Madres do mesmo director.

En 2009, consegue o Premio Mestre Mateo á mellor curtametraxe con El cuidador de gatos e comeza a produción da que será a súa primeira longametraxe, O Apóstolo, sendo a primeira película europea en stop-motion estereoscópico.