Presentouse no Festival de Cine de Sundance, onde conseguiu o Premio do Público e inaugurou o Festival de Cine de Valladolid 2008.
É a primeira película xordana en 50 anos e a primeira longametraxe xordana que se exporta ó mercado internacional.
Abu Raed é un solitario membro do equipo de limpeza do aeroporto internacional de Ammán. Sempre quixo viaxar polo mundo pero, ó non poder facer realidade o seu soño, víveo a través de libros e de breves charlas con algún viaxeiro. Un día, atopa unha gorra de capitán nunha papeleira e un mozo do barrio veo con ela posta camiño da casa. Ó día seguinte, un grupo de nenos espérao diante da porta, convencidos de que é piloto. Nace unha amizade entre o home e os nenos. Feliz de ter compañía, fai viaxar ós nenos polo mundo mediante historias inventadas. Sen embargo, Murad, un neno que se sente rexeitado polo grupo, ataca a Abu Raed nun intento de destruír o raio de esperanza que ofrece ós nenos. Mentres se empeña en demostrar que Abu Raed é un farsante e un mentireiro, Murad descubre que a súa vida ten outras posibilidades. Namentres, medra a amizade de Abu Raed con Nour, unha moza piloto comercial que debe afrontar as tensións da vida en Ammán.
É a primeira película dirixida por Amin Matalqa (Amman, Xordania, 1976), que viviu en Xordania ata os 13 anos antes de trasladarse a Estados Unidos coa súa familia e pasar os seguintes 14 anos en Ohio. Sempre soñou con facer cine. Despois de licenciarse en Empresariais na Universidade Estatal de Ohio e de traballar cinco anos con éxito no mundo das telecomunicacións, decidiu trasladarse a Los Ángeles para facer realidade o seu soño. Rodou 17 curtas antes de ingresar no Instituto Americano de Cine para licenciarse en Realización. Durante ese período, realizou outras oito curtas antes de rodar a súa primeira longametraxe.