Ciclos

Actor, director, guionista e produtor, o galego Ricardo Núñez Lisarrague foi unha das figuras que marcaron o nacemento e desenvolvemento do cine comercial español. Ricardo Núñez nacera en Betanzos o 16 de xullo de 1904 no seo dunha familia de clase media. Non obstante, é un dos grandes esquecidos da nosa cinematografía, en parte debido a que en 1962 decidiu illarse do mundo da gran pantalla para levar unha vida tranquila xunto á súa familia. Como actor foi todo un galán que deu o salto do cine mudo ao sonoro, e como produtor formou tándem con Florián Rey primeiro e máis tarde con Benito Perojo, sendo Ricardo Núñez quen descubriu ás daquela descoñecidas para o cine, Imperio Argentina e Lola Flores. Durante a Guerra Civil española, Ricardo Núñez colaborou en obras cinematográficas pro republicanas polo que, ao gañar a contenda o bando nacional, tivo que exiliarse a Arxentina, onde se estreou como director cinematográfico. Trala Revolución Libertadora que acabou co goberno de Juan Domingo Perón, Ricardo Núñez regresou a España, onde continuou o seu traballo no cine. O que fora “galán da simpatía” preferiu pasar os últimos anos de vida á marxe da popularidade, ata o seu falecemento en Palma de Mallorca en 1998. Apagábanse así os focos para o actor e director betanceiro.

17/09/2012 - 20:00
Caixa Galicia
18/09/2012 - 20:00
Caixa Galicia
19/09/2012 - 20:00
Caixa Galicia
21/09/2012 - 20:00
Caixa Galicia