Despois da Semana de Cine de Lugo

Data: 
Xov, 14/10/2010

        Ven de celebrarse a XXXII edición da Semana de Cine de Lugo, organizada polo Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, na que arredor de 7.000 persoas asistiron ás proxeccións dos diversos ciclos exhibidos nas salas Auditorio Gustavo Freire (pazo do festival), Biblioteca Provincial, Deputación Provincial e Fundación Caixa Galicia.

  
         O mesmo que nas anteriores edicións, o ciclo de cine infantil e as proxeccións das 8 da tarde do Auditorio, do ciclo dedicado á Muller foron as máis concorridas, sendo tamén de destacar as das películas a concurso, na que resultou gañadora o filme La Caja de Pandora.        Peza fundamental da Semana foi a investigación sobre a figura do gran actor de teatro e de cine galego-arxentino Enrique Muíño, efectuada por Manuel Curiel, director da Semana, que cristalizou na edición do libro ENRIQUE MUÍÑO, O GAUCHO GALEGO, e na publicación do documental sobre a vida e obra deste actor, dirixido polo arxentino Federico Santillana.
         Muíño naceu no último cuarto do século XIX no concello coruñés de A Laracha, onde nada sabían da súa procedencia, pero a raiz da presencia do Alcalde do Concello invitado á inauguración oficial da Semana, celebrarán o próximo Nadal actos de homenaxe a este seu fillo destacado.
         Queda aínda da Semana a exposición de Enrique Muíño, instalada no refectorio do Museo Provincial de Lugo, e a denominada Peplum, de cine de romanos, organizada con motivo do décimo aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade e aberta na Biblioteca Provincial de Lugo. Ámbalasdúas mostras estarán abertas durante todo o mes de outubro.
        Restan, asi mesmo, proxeccións cinematográficas en vilas da provincia de Lugo de filmes incluidos na programación da Semana, como extensión da Semana lucense a escala provincial.
         Co agradecemento a todos os asistentes ás proxeccións da Semana, o Grupo Fonmiñá quere testemuñar ás entidades patrocinadoras e colaboradoras o seu recoñecemento: Xunta de Galicia, Xacobeo, Concello de Lugo, Deputación Provincial de Lugo-Vicepresidencia 1ª, Fundación Caixa Galicia, Universidade de Compostela-Campus de Lugo, Galicia Digital e Colexio oficial de Arquitectos de Galicia.