Lugo rende homenaxe ao bo cine durante a Semana Internacional de Cine de Autor.
A directora galega Alexia Muíños presentou a súa ópera prima “Noche transfigurada” na inauguración oficial do certame.
As exposicións do programa xa están abertas ao público e arrincaron as proxeccións de todos os ciclos
As entradas están a venda na taquilla do Auditorio dende media hora antes do comezo de cada sesión
Dende o pasado venres a cidade está inundada de carteis de cine con algúns dos mellores títulos das películas que escriben o nome do sétimo arte con maiúsculas. Durante unha semana os lucenses gozamos da oportunidade de ver en pantalla grande os filmes dos autores máis persoais e que habitualmente non atopan sitio nos circuitos de exhibición comerciais.
A Semana Internacional de Cine de Autor arrincou o pasado venres coa inauguración na Sala de Exposicións da Xunta de Galicia da exposición “Carteis de Cine” que recolle todos as obras presentadas ao concurso para elixir o cartel anunciador.
Ao longo da fin de semana tamén deron comezo os distintos ciclos que compoñen a programación do certame: a Sección Oficial e Curtametraxes, a sección infantil e os ciclos de “A muller protagonista”, o de “Cine Peplum-Lugo 10” e o de “Cine Xacobeo”.
Tamén comezou a retrospectiva que acolle a Deputación Provincial en homenaxe a Enrique Muíño, o actor galego emigrado na Arxentina e fundador de Artistas Arxentinos Asociados. Tras a exhibición do seu gran éxito “Así es la vida” continúa a tarde do martes 28 co título “El viejo hucha” ás 20:00 horas na Deputación Provincial. Todas as películas deste ciclo, xunto coas de Cine Xacobeo, Cine Peplum-Lugo son de entrada gratuíta.
Na Sala do Refrectorio do Museo Provincial está aberta ao público a exposición dedicada ao actor Enrique Muíño, inaugurada este martes tras a presentación do libro “Enrique Muíño. El gallego gaucho” editado polo Grupo Fonmiñá. A terceira mostra que o programa inclúe e a exposición sobre “Cine Peplum-Lugo 10” que rende homenaxe ao décimo aniversario da declaración da Muralla Patrimonio da Humanidade e que está aberta ao público na Biblioteca Provincial.
Patricia López Seijas