O Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá quere facer pública a súa satisfacción polo desenvolvemento da XXXIII edición da SEMANA INTERNACIONAL DE CINE DE AUTOR, e o seu agradecemento pola colaboración recibida.
Agradecemento que facemos patente en primeiro lugar ás institucións vencelladas co tema da Cultura, con mención expresa á Deputación Provincial de Lugo, Concello de Lugo, Xunta de Galicia, Universidade de Santiago-Campus de Lugo, Novacaixagalicia e Galicia Digital.
Recoñecemos o esforzo efectuado polos medios informativos para difundir os temas da semana, especialmente os referidos ás exposicións, publicacións e homenaxes. E destacamos, como sempre, a afluencia dos lucenses ás celebracións, así como as numerosas mostras de simpatía e sintonía que recibimos por parte dos afeccionados ao cine. Durante estes días, as salas onde se proxectaron as longametraxes da SICA recibiron ao redor de 7000 espectadores, unha cifra que plasma o empeño e a emoción que todos puxemos neste acontecemento.
E permítasenos unha mención especial, entusiasta, para o público infantil -segunda ou terceira xeración xa de asistentes ás Semanas- que converteron cada día o Auditorio nunha leda algarabía, entusiasta e respectuosa, porque só este público -pequeno en tamaño pero inmenso en entusiasmo- merece todo o noso esforzo para sacar adiante cada unha destas Semanas de Cine.
Trinta e dous anos despois de iniciar a nosa tarefa de inmersión cinematográfica dos lucenses afeccionados á sétima arte, comprobamos ter feito camiño ao andar e, como sempre ocorre, comprobamos que cada vez hai máis camiño que recorrer.
Por outro lado, comprácenos anunciar o resultado do concurso por votación popular das películas pertencentes á Sección Oficial. Que son máis que alentadores. Para a nosa sorpresa e gratificación, o trono será para unha longametraxe que foi producida con financiamento privado, rodada por un equipo técnico recentemente saído das escolas, cámara en man e baseándose en técnicas de improvisación: Aficionados, dirixida por Arturo Dueñas.
Este proxecto cobrou vida a través da experiencia de varias persoas participantes nun obradoiro de teatro no Centro de Investigación Actoral Espacio Abierto de Valladolid, artistas que visitaron Lugo, dedicaron unha rolda de prensa e nos acompañaron durante a velada da proxección o martes 20 de setembro. A todos eles debémoslles esta película de creación colectiva, que mestura a realidade coa ficción, xa que cada actor construíu o seu personaxe partindo da súa propia experiencia persoal, sen guión previo. Uns protagonistas que, tanto fóra coma dentro da pantalla, desprenden empatía e simpatía, e espertan ao seu paso a ilusión de que con esforzo e traballo, e moito talento, a maxia é posible.
Esta vez gañou o humanismo, a colectividade dos cidadáns, gañou o público, que durante os 95 minutos de duración da película, sentiuse plenamente identificado cos relatos vitais dun heteroxéneo grupo de persoas que comparten, coma todos nós, unha “afección común”: a vida, porque esta non é apta para profesionais.
Onte rematou a Semana de Cine e con pena volveremos á vida cotiá, deixaremos a grandeza cinematográfica para converternos nos propios protagonistas da nosa historia. Mais agora, grazas a Dueñas e ao seu equipo, descubrimos a beleza e o maxestoso do común. Ledicia e tristeza enfrontadas, pero sempre coa esperanza de que o ano vindeiro volverá a estenderse a alfombra vermella na nosa muralla e dende aquí veremos, unha vez máis, as estrelas brillar.
Esperámosvos!
Un cordial saúdo e moitas grazas polo voso apoio.
O Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá
XXXIII Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo