Presentouse no Festival de Cine de Sitges, onde conseguiu o Méliès d’Or - Gran premio do Cine Fantástico Europeo.
Levou o premio do Público na Semana de Cine Fantástico de San Sebastián 2008.
Oskar é un rapaz de 12 anos que sofre continuamente o acoso dos seus compañeiros de clase máis fortes. O seu desexo de ter un amigo parece facerse realidade cando coñece a Eli, unha nena da súa mesma idade que acaba de mudarse á casa do lado. Pero Eli é unha nena misteriosa: é moi seria, está moi pálida, só sae polas noites e aparentemente non lle afectan as temperaturas xeadas. Unha serie de desaparicións e asasinatos inexplicables coinciden coa chegada da rapaza.
Dirixe Tomas Alfredson (Lidingö, Estocolmo, Suecia, 1965), cineasta autodidacta que desenvolveu boa parte da súa traxectoria profesional na televisión. A súa filmografía complétase con Bert - den siste oskulden (1995), Kontorstid (2003) e Four shades of brown (2004). Segundo o director “cando o pasado verán lin a novela de John Ajvide Lindqvist Déjame Entrar, na que está baseada a película, souben que tiña que levala á pantalla para compartila cos demais. É unha sensación que só che ven cun guión ou un libro entre cen. Normalmente só hai algunhas partes do material que espertan interese: un sentimento aquí, un detalle alá e éntranme ganas de agarralo e empezar a reescribilo. Pero esta vez era diferente. Esta historia é á vez literatura e drama fantástico. A pesar do deprimente ambiente da Suecia de cor gris plúmbeo, as duras condicións sociais, o acoso e a violencia sanguenta, véxoa como unha historia de amor romántica cun fin esperanzador e feliz, encontro que ten a mesma dinámica coa escuridade no fondo e a luz en primeiro plano que as historias de Charles Dickens ou os escritores clásicos de terror”.