Deseño de produción: Dina Goldman.
Vestiario: Catherine Marie Thomas.
2006: Concursou no Festival de Berlín na sección oficial de longametraxes.
El Último Show métenos no interior dun popular programa radiofónico que loita por sobrevivir na época da televisión. Por este programa desfilarán toda clase de personaxes que crearán as situacións máis grotescas.
Dirixida por Robert Altman, con guión de Garrison Keillor, que tamén é protagonista, El Último Show capta o singular espírito e humor do programa radiofónico de variedades en directo que Keillor segue escribindo e presentando desde fai máis de 30 anos. Tanto Altman como Keillor son mestres nesa arte da observación e da digresión significativa, e o filme combina estas distintas sensibilidades para entretecer a súa historia entre bastidores. Coma nun conto, a película posúe unha esencia serena que permite ao seu debido tempo tanto a bufonada como a sinceridade. Os moitos personaxes de El Último Show marcan o tempo do filme, permitindo que os detalles vaian revelándose a si mesmos por todos os currunchos do encadre. No proceso, a película vai ofrecendo unha imaxe de América e dos americanos divertida, ao tempo que afectuosa e en ocasións melancólica. Desde que “A Prairie Home Companion” comezara a emitirse o 6 de xullo de 1974, non fixo senón granxearse a devoción de millóns de oíntes, que cada semana sintonizan o espazo pola súa característica mestura de música, humor e historias narradas. Actualmente, “A Prairie Home Companion” atrae a máis de 4’3 millóns de oíntes a través de máis de 550 emisoras de radio públicas e escóitase no estranxeiro a través da rede de America One e das Forzas Armadas, en Europa e no Extremo Oriente. En 2004, a Biblioteca do Congreso incluíu a emisión inaugural do 6 de xullo de 1974 no rexistro de son histórico da nación.