EL BAILE DE LAS ÁNIMAS - Manuel Lourenzo


Sección: 
Ciclo Homenaxes
Día e hora: 
Martes, 16 Setembro, 2014 - 20:00
Lugar: 
Deputación Provincial
País: 
España
Ano: 
1993
Duración: 
87 minutos
Director/a: 
Pedro Carvajal
Guión: 
Pedro Carvajal
Música: 
Manuel Balboa
Fotografía: 
Tote Trenas
Reparto: 
Manuel Lourenzo, Ángela Molina, Mónica Molina, Dorotea Bárcena, Joaquim de Almeida, Paloma Cela, José Conde, Xulio Lago, María Pujalte y Ana Álvarez
Sinopsis:

 No outono de 1948, a rapaza Mónica (Mónica Molina), filla do matrimonio entre a republicana Adela (Ángela Molina) e o falanxista Agustín (José Conde Cid), escapa do internado de monxas onde estuda para ir vivir con súa nai no suntuoso pazo familiar cerca da Coruña. Alí coñece que os seus pais están separados, el vive en Madrid e ela no pazo, e que súa nai é a amante do seu atractivo veciño Antonio (Joaquim de Almeida). Alí coñece á criada Dorotea (Dorotea Bárcena), á súa filla Maleja (María Pujalte), á meiga Marigaila (Rosa Álvarez) e ao espírito da tía Irma (Ana Álvarez), que vaga polo pazo desde que se suicidou tirándose ao mar por un acantilado porque o seu pérfido cuñado Agustín a deixou embarazada.

 

 

 

 

Manuel María Lourenzo Pérez naceu no municipio lugués de Ferreira do Valadouro o 15 de abril de 1943. Despois de realizar os seus primeiros estudos na Coruña, marcha a Alemaña, onde reside un par de anos (1962-1964). Ao regresar a Galicia iniciou a carreira de Maxisterio (1964-1966) na cidade da Coruña, profesión que exerceu durante anos na ensinanza privada, concretamente ata o ano 1980. En 1975 licenciouse en Interpretación polo Institut del Teatre de Barcelona. Desde que abandonou a ensinanza regrada, alterna a súa residencia entre A Coruña e Alfoz (Lugo) e dedícase ás afeccións coas que máis se identificou, despois das moitas realizadas en tantos anos de dedicación.

Iniciador e promotor do Grupo Teatral O Facho (chamado inicialmente Grupo Independente Galego) (1965), dous anos despois fundou o Teatro Circo (1967) e posteriormente outras agrupacións e compañías como a Escola Dramática Galega (1978), a Compañía Luís Seoane (1980), Elsinor Teatro (1990) e o Casahamlet. Estudo de Teatro (1998). Ademais realizou diferentes traballos para a radio, a televisión e o cine, e coordinou e redactou, xunto con Francisco Pillado Mayor, publicacións como Cadernos da Escola Dramática Galega, Caderno do Espectáculo da Compañía Luís Seoane, Castrodouro-Teatro, Elsinor-Teatro ou a Revista Casahamlet, e diversos estudios historiográficos sobre a dramaturxia galega, como O teatro galego (1979), Antoloxía do teatro galego (1982) ou Dicionário do teatro galego (1987). En solitario, é autor doutros traballos tales como O teatro infantil galego (1978) ou Pensar co corpo (2001), por exemplo.

Manuel Lourenzo tamén foi actor e director de teatro, de dobraxe, actor de cine e televisión, conferenciante, profesor de actividades didácticas na preparación de actores, responsable do Departamento de Dramáticas da Escola Dramática Galega, impartiu cursos varios sobre teatro e participou en congresos, simposios, entre outras moitas actividades culturais que ten impulsado.