Gañadora do Óscar á Mellor Película Estranxeira en 1949 e candidata ó Mellor Guión.
Premio Nastro d ́Argento 1949 á Mellor Película, Argumento, Dirección, Guión, Fotografía e Música.
Premio Especial do Xurado no IV Festival de Cine de Locarno en 1949.
Gran Premio no Festival Mundial do Cine e a Arte en Bélxica en 1949.
Premio da Brittish Film Academy en 1950.
O Brittish Film Institute incluiuna dentro da clasificación creada en 2005, como unha das 50 obras máis adecuadas a un público novo.
Roma, 1948: a cidade non é o mero escenario, senón unha protagonista máis da historia. Devastada pola guerra, acaba de empezar o seu lento camiño cara a reconstrución. Estamos en Val Melaina, extrema periferia con novos edificios habitados por familias pobres, nas que a guerra deixou as feridas sociais máis profundas. Antonio Ricci, obreiro e pai de familia, tras un longo período de paro consegue un traballo como carteleiro municipal, pero para realizalo necesita unha bicicleta, e a súa está empeñada no montepío. Rescata a bicicleta a costa das sabas da súa casa, que a súa esposa María lle entrega coa esperanza posta no futuro soldo. Sen embargo, en canto pega o cartel cinematográfico de Rita Hayworth, dous parvos róubanlla. Comeza así unha triste peregrinación por Roma en compañía do seu pequeno fillo Bruno. O único que obtén é a indiferencia xeral; primeiro na comisaría, onde os axentes teñen cousas máis importantes na cabeza que atopar a bicicleta dun pobretón; despois en Piazza Vittorio e Porta Portese, humildes mercados onde cada un se apaña como pode. A busca continúa polas rúas dunha cidade chea e apática. Antonio entra nunha igrexa perseguindo a un pobre vello, coa esperanza de obter información sobre a súa bicicleta. Durante a misa, unha muller cun sombreiro e veo branco reparte con aire de suficiencia bonos para comer. O deambular submiso vaise facendo desesperado. Fronte ó estadio, Antonio decide roubar unha bicicleta pero a multitude persígueo e aprésao. Só as bágoas de Bruno evitan que remate no cárcere. Antonio e Bruno camiñan derrotados mentres a cidade se vai facendo cada vez máis escura e hostil.