ESCOLA DE ARTE E SUPERIOR DE DESEÑO RAMÓN FALCÓN DE LUGO (Traballos de cine)


Sección: 
As curtas tamén son cine
Día e hora: 
Luns, 17 Setembro, 2012 - 20:00
Lugar: 
Vicerreitorado Universitario (Casa do Coñecemento)
Sinopsis:

A E.A.S.D Ramón Falcón é un centro público dependente da Xunta de Galicia, polo que todas as súas ensinanzas teñen carácter oficial e validez académica e profesional en todo o espazo común europeo.

Dedicada desde hai máis dun século á ensinanza das artes aplicadas e dos oficios artísticos, actualmente completa a súa oferta formativa segundo o que marca o Espazo Europeo de Educación Superior, polo que suma ás súas clásicas ensinanzas de ciclos formativos (superiores, os de Fotografía, Cerámica e Gravado, e o medio de Serigrafía), a dos estudos de Grao nas disciplinas de Deseño Gráfico e de Interiores. Todos estes estudos complétanse con prácticas nun amplo abanico de empresas, e desde o curso 2011-12, coa posibilidade de ampliar a formación co programa de intercambio europeo Erasmus.

A EASD dispón dun edificio singular nun entorno non menos especial. Cunhas instalacións adaptadas aos novos tempos (con aulas informáticas, platós de fotografía e audiovisuais e animación, rede wifi...) ao lado do mellor dos antigos (obradoiros de fotografía analóxica, cerámica, serigrafía, gravado, maquetación...)

Os traballos que se verán nesta Semana Internacional de Cine de Autor foron sempre elaborados no contexto educativo sen ningún ánimo que non sexa o de experimentar a arte por medio do audiovisual.

A selección componse sobre todo de curtametraxes como Golpe de Suerte, A estructura dos beizos incorrectos ou Un día cualquiera, pero tamén se presentan ao público pequenas pezas de animación de natureza moi diversa como Outlines, El Ciclo, Cuestión de energía ou Manduchuva Rules ou do que denominamos falsos trailers (Rusbel, Blue Island, etcétera), onde os alumnos non só idearon unha longametraxe, senón que realizaron –en todas as súas fases- o que sería o anuncio desa obra apenas guionizada. Outra parte da proxección compona o que chamamos videocreacións, unha forma de denominar traballos experimentais de diversa temática e técnica.

Cada autor está identificado no seu traballo, moitos deles elaborados, como non pode ser doutra maneira, de forma conxunta e con importantes colaboracións desinteresadas. Todos eles teñen en común o feito de estudar na Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón nos últimos anos, ben na especialidade de Fotografía Artística, ben na de Deseño Gráfico.