Puro deleite para unha fantasmagórica longametraxe animada con moito que escoitar e moito que ver: cancións dos Beatles, xogos de palabras e chistes incongruentes combinados con visións surreais da arte pop na historia na que os Beatles intentan salvar “Pepperland” dos “Blue Minies”. Única e estimulante. Inclúe as cancións Lucy in the sky of diamonds, When I am sixty-four e All you need is love. Tras as revolucións de A hard day’s night e Help!, os Beatles con Yellow submarine revolucionaron todo o cine de debuxos animados, que ata aquel momento estiveran estancados no entrañable pero xa gastado mundo de Walt Disney. Os Beatles puxeron a idea inicial para comezar a película e Brian Epstein continuouna sen poder finalizala, debido á súa repentina morte. Como deseñador de todo o proxecto pensouse en Al Brodax que en 1965 xa deseñara 39 episodios de debuxos animados con aventuras dos Beatles para a BBC. Como guionista contratouse a Erich Segal e como debuxante fixéronse cos servizos do alemán Heinz Edelman, que con esta película abriu un novo camiño ao cine de debuxos animados. En toda a película hai unha imaxinación desbordante, cunha vitalidade alucinante e contaxiosa que produce que as aventuras se sucedan nunha continua exhibición de colorido.