Gemma quedou sen traballo. A súa filla Zoe soña con ter ás. Gemma desexa voar con ela, saír dese lugar que asfixia, que alimenta o medo. Ambas imaxinan un novo fogar pintado de vermello, afastado do ruído, preto delas mesmas. Zoe é un proxecto que xorde da colaboración entre o director Ánder Duque e a actriz Rosalinda Galán; xuntos escriben e constrúen un relato amargo situado nun lugar indeterminado do sur de España. Unha historia entre a crueza do cine documental e o código dunha narración de ficción. O resultado de todo iso é Zoe, película que narra a vida dunha nai moza que intenta sobrevivir, xunto á súa filla Zoe, nunha realidade social recoñecible por todos.