Rodada en Santiago de Compostela, Lugo e Samos.
ÁNGEL SANTOS TOUZA
Despois de completar a súa formación en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, trasládase a Barcelona para estudar no Centre de Estudis Cinematogràfics de Catalunya (CECC). Alí realiza os seus primeiros traballos como director, primeiro a curtametraxe "A" (2002) e logo outro máis ambicioso, Septiembre (Los amores jóvenes) (2004). En 2008 presenta O Cazador (Matriuska Producciones), adaptación dun texto de Anton Chéjov que é destacado pola revista Cahiers de Cinema España como unha das mellores curtametraxes do ano. A súa carreira cinematográfica prosegue coa curta Sara (2009). Dos fragmentos Eva (2011) é a súa primeira longametraxe, coa que é merecedor da Mención Especial do Xurado Novo da Bienal de Cine Cine Español de Annecy (Francia). Compaxinou a realización coa crítica para diversos medios dixitais (Miradas de Cine, Blogs&Docs, A Cuarta Parede).
Eva é unha moza galega que reside, desde que finalizara os seus estudos universitarios, en Barcelona. Dedícase á restauración artística e, agora, un traballo tróuxoa de novo a Galicia con motivo dunha intervención no Mosteiro de Samos. Eva resolve o seu traballo con eficiencia, desapaixonadamente. Nun descanso móstrase intranquila e non deixa de observar o seu teléfono móbil á espera de noticias do seu amante. Este, un avogado catalán, prometeulle vir a pasar con ela a fin de semana. El está casado e é pai dun neno e por iso Eva dubida que poida cumprir a súa palabra. Pese aos temores de Eva, el preséntase, como acordaran, no aeroporto e ambos se dispoñen a pasar un par de días de pracer en Santiago de Compostela. Non obstante, tralas primeiras horas de ilusión polo encontro, a situación cambia repentinamente; a relación que manteñen é, a todas luces, pouco sincera e inestable e tras unha amarga discusión durante a primeira noite, a parella acorda unha ruptura definitiva. Pese a todo, os amantes deciden pasar aínda xuntos o día seguinte na cidade. Así, desde a mañá ata o caer da noite, camiñarán por Compostela esgotando os momentos finais da súa relación. A cidade reflectirá os seus estados de ánimo nun percorrido físico e emocional, a través de museos, igrexas, rúas e parques, durante o que Eva tratará de reformular a súa situación vital. Cando a tensión entre ambos se faga insostible cada un tomará definitivamente o seu camiño. O amante perderase na noite, nalgún bar. Eva, pola súa parte, decidirá continuar sola o seu percorrido pola cidade. Finalmente, un encontro con Manuel, un peculiar mozo universitario, cambiará inesperadamente os seus plans.