María, unha orfa de 13 anos, é enviada a vivir co seu tío a unha misteriosa mansión. Alí descubrirá que só ela pode salvar o Val de Moonacre (un mundo máxico) tendo de marxe ata a próxima lúa para conseguilo. Todo isto coa inestimable axuda de formidables animais fantásticos. Dirixe Gabor Csupo (Budapest, Hungría, 1952) tras Un puente hacia Terabithia (2007). Csupo é un artista de animación de renome en todo o mundo e presidente e cofundador de Klasky Csupo Studios, unha compañía de animación independente líder na industria do espectáculo. Como artista independente, Csupo é un home do Renacemento, que ademais da súa carreira en cine, televisión e animación de anuncios, é un músico aclamado, fundador de dous selos discográficos, un notable restaurador, un pai abnegado e un membro comprometido da comunidade artística de Los Ángeles.
Estudou música e arte durante moitos anos antes de comezar a súa formación persoal en animación nos famosos Pannonia Studios en Hungría. Abandonou a Hungría comunista en 1975 para explorar oportunidades artísticas no oeste. Csupo e catro compañeiros artistas e músicos escaparon a Austria a través dun túnel de tren. Con escasos recursos e sen pasaporte, viaxou en primeiro lugar á Alemaña Occidental, logo a Dinamarca e en última instancia a Estocolmo, onde encontrou traballo no estudio de animación dun amigo e contribuíu á produción da primeira longametraxe animada en Suecia. En 1978, Csupo coñeceu a unha deseñadora gráfica americana chamada Arlene Klasky. Aprendera inglés para entender a letra das cancións de Frank Zappa, o seu músico favorito. Csupo trasladouse a Hollywood en 1979, onde casou con Klasky e converteuse en animador dos Estudios Hanna Barbera. En 1981, a parella formou a súa propia empresa de animación, Klasky Csupo, e el presidiu todos os aspectos do negocio do estudio, deseñando, supervisando e animando os anuncios, logotipos de empresas, vídeos promocionais de cadeas de televisión, avances de películas, promocións emitidas polas cadeas e películas industriais. En 1988, o director James L. Brooks pediulle a Klasky Csupo que animara os debuxos animados chamados Los Simpson que se ían emitir en The Tracy Ullman Show. O enorme éxito dos primeiros episodios levou a Klasky Csupo a traballar na serie, en cuxa animación participou o estudio durante os tres primeiros anos de distribución, e coa que conseguiu recoñecemento mundial e dous premios Emmy para Klasky Csupo. Na liña de explorar novos traballos, Klasky Csupo desenvolveu, produciu e animou a serie de enorme éxito Rugrats, un dos programas infantís máis populares nos Estados Unidos. Despois produciu as películas Rugrats (Aventura en pañales) e Rugrats en París.