Frank Braña nacera en Pola de Allande (Asturias), pero os lucenses sabiamos que era galego de corazón e por iso honrámolo como actor lucense na edición XXIX da nosa Semana Internacional de Cine de Autor celebrada en 2007. Non se prestaba a discusión a súa vinculación afectiva con este lado da “fronteira”, que se os seus pais eran asturianos, o seu avó paterno era galego, e o seu pai foi garda civil en terras montañesas do leste lucense. E Francisco Braña Pérez (Frank Braña, Flanck Blanck, Frank Brannia ou Paco Braña) correteou de neno por terras lucenses, e –fonsagradino coma min, que alí pasamos os dous os mellores anos da nosa infancia– gardaba do paraíso perdido da nenez magníficos recordos que asomaban curiosos, quizais entre contidas bágoas, por aqueles ollos claros a través dos que estou convencido que se podía contemplar a placidez da súa alma.
Foi un loitador ata a morte. Primeiro, a loita física pola supervivencia, pastor, mineiro na Camocha, boxeador contra Folledo ou Fred Galiana... e logo, chofer dunha marquesa, actor de dobraxe, cantante, e por fin actor de arredor de 170 películas onde morreu máis veces ca ningún outro actor hispano.
Frank Braña. Morrer con dignidade no cine (Frank Braña. Morir con dignidad en el cine), o meu traballo sobre a súa vida e a súa obra, foi o resultado de interminables conversas nas que Frank me abriu a súa alma, falamos do humano e o divino, da vida e o amor, das dificultades e triunfos, da súa paz interior, da súa alegría innata, da súa vida en Collado-Villalba onde era un heroe local e onde vivía feliz. Fóisenos un grande do cine, por traxectoria, por espírito, por entusiasmo, polo conxunto da súa obra. Pero, sobre todo, fóisenos unha magnífica persoa, un neno grande, un home vital, que na súa madurez volveu a Galicia para reencontrarse coa súa nenez e para facerse galego por convicción, por proximidade, por entusiasmo.
Manuel Curiel Fernández, director da Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo (España), publicado en Academia de las Artes y las Ciencias Cinematográficas de España, marzo 2012, número 187.