Presentouse no Festival de Cine das Palmas, onde conseguiu a Lady Harimaguada de Ouro á mellor película, o premio ás mellores actrices para Anita Linda e Rustica Carpio, e o premio ao mellor director de fotografía.
Formou parte da sección oficial do Festival de Cine de Venecia.
Mataron ao neto da Abuela Sepa para roubarlle o móbil. A pesar da dor que lle produce este acto de violencia, a anciá debe ocuparse do enterro. Ela e a súa familia son pobres e non teñen cartos dabondo para comprar un ataúde e pagar a un letrado para que se ocupe da denuncia contra o acusado. Pero Abuela Sepa incluso está disposta a pedir un préstamo ao banco para darlle un enterro decente ao seu neto e para que se faga xustiza.
Abuela Puring está decidida a sacar ao seu neto Mateo do cárcere, aínda que o acusen de ter matado sen razón ao neto de Abuela Sepa. Pero a anciá é pobre e non dispón do diñeiro necesario para a fianza. Cada vez que o vai ver e lle leva comida decente, rómpeselle o corazón ao velo consumíndose detrás dos barrotes con outros na súa mesma situación. Na primeira vista, as dúas avoas débense enfrontar. Ambas son fráxiles e pobres e cada unha quere facer o mellor para o seu neto. O futuro do caso depende do amor das avoas.
Dirixe Brillante Mendoza (San Fernando, Filipinas, 1960), que estudou Belas Artes e Publicidade na Universidade de Santo Tomás en Manila. Antes de ser realizador, traballou como deseñador de produción en películas, anuncios e obras de teatro. A súa filmografía inclúe Masahista (Masajista, 2005), Kaleldo (Calor de verano, 2006), Manoro (El Maestro, 2006), Foster Child (2007), Tirador (2007), Serbis (Servicio, 2008) e Kinatay (2009). “Lola” significa “avoa” en tagalo.
Os filipinos respectan aos seus maiores, especialmente aos avós. O respecto cara aos maiores é algo do que pode gabarse o pobo filipino hoxe e durante os anos vindeiros. Os avós seguen tendo un papel de gran importancia na familia e os lazos familiares dos filipinos son moi fortes. Se os pais non están, os avós coidan dos netos. Moitas veces trátanos mellor do que trataron aos seus fillos, ata o punto de mimalos demasiado. A película está baseada nun feito real. A acción transcorre durante a tempada de chuvias, non só para mostrar o duro que é vivir naquela zona, senón tamén porque a atmosfera sombría resalta os sentimentos e a loita das dúas protagonistas. Os filipinos son superviventes natos. Para eles, as penurias son parte da vida, e nunca perden a esperanza e adoitan encontrar consolo na oración.