LORDEMANI


Sección: 
Arte de Cine
Día e hora: 
Sábado, 21 Outubro, 2017 - 19:00
Lugar: 
Museo Provincial
País: 
España
Ano: 
2016
Duración: 
47 minutos
Director/a: 
Brais Revaldería.
Sinopsis:

Desde hai máis de dez séculos, Galicia garda unha gran relación co pobo vikingo. As diferentes oleadas vikingas nas costas galegas fixeron que a día de hoxe esa esencia aínda se poida apreciar en celebracións como a de Catoira (Pontevedra), pobo irmandado coa cidade danesa de Fredrikssund. Coñecidos pola súa fortaleza e por ser guerreiros invencibles, os vikingos chegaron a Galicia atraídos polo ouro e as riquezas que os romanos deixaron como legado. No ano 844 os vikingos asediaban Galicia por primeira vez sendo esta a primeira das catro incursións que realizarían ata douscentos anos despois. No ano 1028 as tropas vikingas dirixidas por “Ulf o galego” asaltaron as poboacións que se atopaban ao seu paso pola ría de Arousa ata que foron rexeitadas polo exército do Bispo Cresconio de Compostela, que ordenou edificar o que hoxe coñecemos como as Torres do Oeste. Esta fortificación impediría aos Lordemani remontar o río en busca das riquezas de Santiago e Iria Flavia. Un dos pobos fundamentais na historia vikinga de Galicia é, sen dúbida, Catoira, una vila mariñeira que durante séculos sufriu os constantes asedios dos Lordemani. Como recordo das continuas acometidas vikingas desde 1960 todos os anos o primeiro domingo de agosto, Catoira celebra un desembarco vikingo. Subidos en réplicas dos drakkares do século XI, os invasores chegan á costa para asaltar as torres do Oeste. Máis de dez séculos despois, os Lordemani de Frederikssund (Dinamarca), que celebran a Vikingespil todos os meses de xuño e os habitantes de Catoira, reúnense nesta zona da costa galega para celebrar o pasado histórico que os une. Daneses e españois unidos pola historia e agora polos lazos de amizade tras máis de 25 anos de celebracións conxuntas móstrannos una vez máis que as diferenzas raciais, culturais ou de idioma non son impedimento para o entendemento e a colaboración entre as partes, nunha época na que os separatismos e os tratos discriminatorios cara a raza ou relixión chegaron a acentuarse en países do primeiro mundo. Lordemani é unha mostra da cultura e o carácter común de dúas poboacións que, sen chegar a entenderse verbalmente, son capaces de coexistir e crear lazos duradeiros de amizade deixando a un lado diferenzas ou rifas do pasado.