Inaugurou a sección Una Cierta Mirada do Festival de Cine de Cannes 2009, onde conseguiu o Premio Especial do Xurado.
Formou parte da sección Zabaltegi-Perlas do Festival de Cine de San Sebastián.
Dous músicos novos –un home e unha muller- que acaban de saír do cárcere deciden formar un grupo musical. Xuntos exploran o submundo do Teherán contemporáneo en busca doutros intérpretes. Cando as autoridades lles prohiben cantar en Irán, planean escapar da súa existencia clandestina e soñan con actuar en Europa, pero, sen diñeiro e sen pasaportes, non será fácil...
Dirixe o kurdo Bahman Gobadi (Baneh, Kurdistán iraní, 1969), que estudou Cinematografía en Teherán e empezou traballando como fotógrafo industrial, ademais de rodar varias curtas en 8 mm e en vídeo. Entre 1995 e 1999, as curtas God’s Fish, Again Rain with the Melody, This Man Has Arrived e Life in Fog foron galardoados con numerosos premios. Ganou a Cámara de Ouro e o premio da Fipresci no Festival de Cine de Cannes 2000 coa súa primeira longametraxe Un tiempo para caballos borrachos, ao que seguiu Gomgashtei dar Aragh (Perdido en Irak, 2004), Las tortugas también vuelan (2004) e Media Luna (2006). Entre 1995 e 1999 realizou unha decena de curtametraxes que obtiveron numerosos premios en distintos festivais nacionais e internacionais, e en 1999 ocupou o posto de primeiro asistente de Abbas Kiarostami durante a rodaxe de El viento nos llevará. Como actor púidoselle ver en La pizarra. As súas películas, centradas na vida kurda, son duras e realistas, incluso chocantes, pero non adoita esquecer o humor e a esperanza.
Segundo o director “aos ollos do Islam, a música (ghéna) é impura, porque produce alegría e gozo. Oír cantar a unha muller considérase pecado, polas emocións que esperta. En Irán, nos últimos trinta anos, certa música, e en concreto a música occidental, foi practicamente prohibida polas autoridades, e viuse forzada a ocultarse no subsolo: ten que ser interpretada e oída no subsolo! Pero, aínda que tivera que ocultarse, a música non desapareceu por completo. En todos estes anos, moi poucos se atreveron a recoñecelo. Todo isto intrigábame e de aí xurdiu a idea: o cine deume valor para facer esta película. Desde o momento en que me aventurei a chegar ata o corazón de Teherán e baixar os escuros pasos que levan aos sotos nos que se interpreta esta música, descubrín un mundo estraño, diferente e fascinante, un mundo escondido de músicos rebeldes, aos que a maioría da poboación da cidade nin ve nin oe. E cando presenciei o seu mundo, as súas vidas, as súas inquietudes artísticas, os seus problemas cos veciños, as detencións da policía, as malleiras salvaxes... e cando os vin soportalo simplemente porque cantan, tocan un instrumento e aman a música, dixen que había que facer esta película.
Este traballo é a primeira descrición fidedigna da realidade deses músicos novos. Nesta película intentei reflectir o ritmo frenético e o dinamismo da vida en Teherán. Quixen mostrar a cidade desde un ángulo distinto e, tanto a música como as letras das cancións influíron no ritmo da película. Eu adoro a música. Se non me convertera en cineasta, tería sido músico ou cantante. Podo cantar kobeyi, e os meus amigos din que non teño mala voz. De feito, estou gravando o meu primeiro disco”.