PAÍS, S.A. - Antonio Fraguas “Forges”


Sección: 
Ciclo Homenaxes
Día e hora: 
Mércores, 17 Setembro, 2014 - 20:00
Lugar: 
Deputación Provincial
País: 
España
Ano: 
1975
Duración: 
83 minutos
Director/a: 
Antonio Fraguas “Forges”.
Guión: 
Antonio Fraguas “Forges” e Ramón de Diego.
Música: 
Víctor Diego.
Fotografía: 
José Luis Alcaine.
Productora: 
Alexandra Films S.A. / Impala.
Reparto: 
María Luísa San José, Manolo Zarzo, Fernando Delgado, Paco Algora, Antonio Gamero, Roberto Font, Encarna Paso, José Ruiz Lifante, Loreta Tovar e Rafaela Aparicio.
Sinopsis:

 Conta a historia dun grupo de infelices ladróns que deciden dar un “golpe” definitivo, e fano secuestrando a un empresario ao que lle interesa precisamente “desaparecer” durante unha temporada por motivos fiscais.

 

 

Antonio Fraguas de Pablo, “Forges”, nace en Madrid o 17 de xaneiro de 1942. Fillo de nai catalá e pai galego, pasa a súa infancia nunha ampla familia. Aos catorce anos comeza a traballar en Televisión Española e en 1973 abandónaa para dedicarse profesionalmente ao humor gráfico. Publica o seu primeiro debuxo en 1964 no diario Pueblo e posteriormente pasa a Informaciones. En 1970 comeza a colaborar con Diez Minutos e traballa nas revistas de humor Hermano Lobo, Por Favor e El Jueves, e en varios semanarios. Tras debuxar en Diario 16 e El Mundo, en 1995 empeza a publicar o chiste diario en El País, onde continúa na actualidade. En radio ten participado en programas como Protagonistas de Luís del Olmo e La Ventana de Javier Sardá e Gemma Nierga, e actualmente faino en No es un día cualquiera, de RNE, con Pepa Fernández.

Dirixiu dúas películas (País S.A., 1975, e El bengador justiciero y su pastelera madre, 1977) e catro series de humor en televisión, El Muliñandupelicascarabajo (1968), Nosotros (1969), e 24 horas aquí (1976), en TVE; e Deforme semanal (1991), en Telemadrid.

En 1972 publica o seu primeiro libro baixo o título de El libro de Forges. Na súa obra escrita ocupan un lugar fundamental o costumismo e a crítica social. Unha parte substancial da mesma constitúena os álbums Historia de España en cómic e Informática para torpes. En 1992 publica a súa novela Doce de Babilonia, e en 2012 é nomeado director técnico do Instituto Quevedo do Humor. É tamén colexiado de honra do Colexio de Xornalistas de Cataluña.

Ademais, recibiu varios importantes galardóns, entre os que destacan o de Premio á Liberdade de Expresión, da Unión de Xornalistas de España, e a Creu de Sant Jordi. En 2007, o Consello de Ministros concédelle a Medalla de Ouro ao Mérito no Traballo e en decembro de 2013 foi distinguido co Premio Nacional de Xornalismo Pedro Antonio de Alarcón, en recoñecemento a toda a súa traxectoria.