A hard day’s night foi un estalido glorioso que non tiña o que outras películas musicais ata entonces ofrecían, é dicir, unha imaxe estereotipada duns ídolos que intentan pasar por situacións supostamente normais, pero que no fondo resultan moi falsas. Os Beatles lograron xusto o contrario, elevando cada un dos seus personaxes ao límite da broma de si mesmos, cunha capacidade admirable de ruptura co establecido, mostrándonos a súa humanidade como unha gran sinceridade. Por iso é imposible esquecer esta película, desde o seu comezo coas carreiras para fuxir das fans ata o final co documental auténtico do concerto. Nela está toda a esencia Beatle, o seu sentido da súa revolución, sen a salvaxe violencia dos Rolling Stones, pero que no fondo persegue os mesmos propósitos. E todo cunha gran sinxeleza, que describe a vida dos catro Beatles, preparando unha actuación en directo retransmitida por televisión. Ao estilo dos irmáns Marx, os Beatles rinse de si mesmos, da súa imaxe, recoñecen que estaban prisioneiros do éxito, sen apenas tempo para eles mesmos, pero todo isto resúltalles agradable porque, no fondo, ao menos por aquel entón, a fama era así: un cárcere de ouro, si, pero moi pracenteiro.
As imaxes, xunto ás cancións que aparecen nela, son o reflexo dos Beatles, dunha vida chea de fermosura, liberdade e vitalidade, como a súa propia música. A película comezou a rodarse o 2 de marzo de 1964 nos estudios Twickenham de Londres. Nesta rodaxe George coñece a Patti Boyd, modelo e figurante da película como fan das escenas tomadas na estación de Paddington. Nun principio, o título nunca estivo moi claro e houbo que esperar ata o 13 de abril para coñecer o título oficial. Este extráese dun comentario de Ringo tras un duro día de traballo.